Botáronme a vida no lugar de Mugueimes, unha aldea do val do Límia a carón dos Picos de Fontefría na raia seca que divide, pero non separa, a Galiza do Portugal.

Son, polo tanto, un neno de aldea que non un neno labrego.

Nos primeiros oitos anos o meu universo dibuxábase entre a casa dos pais, a casa da avoa Rosa e a “casa de alá”, que era como chamabamos a casa familiar que o visabó construíra aló polos primeiros anos do século XX. Daqueles anos so teño borrosas lembranzas porque a memoria dos pequenos é parcial: feita só de anacos imaxinados, de luzadas imposibles de situar.

Fíxenme adolescente en Vigo e mozo en Compostela, cando petei nas portas da Facultade de Farmacia para farceme home de proveito.

Son tamén inmigrante en país de emigrantes.

Compostela (eu non gosto do “Santiago de“) apendeume o amor e o desamor, os éxitos e os fracasos, as loitas, a militancia comunista e a conciencia de clase, pero sobre todo a non deixar de persegui-la utopía. Todos somos presos do berce onde nos amamantaron. Eu tiven a sorte de mama-lo doce néctar da illa de Utopía.

Unha breve pero intensa estadía en Barcelona fíxome comprender a realidade do noso Impaís (como ben lle chama Xavier Alcalá a este anaco de terra que é a nosa nación Galiza) que mal se entende sen a marcha para os lonxes.

O comenzo do século XXI devólveme ao mar de Vigo das cantigas de namorado que o poeta Martín Codex cantaroxou antes siquera da existencia da “lingoa do imperio”. Aquí levo dende entón, facendo impaís e tentando chegar e achegalo a república que Tomás Moro imaxinou.

A pesares de todo, a miña alma segue a ser arraiana, e coma lle aconteceu a Odiseo, cada parada non é mais ca unha etapa cara a miña terra prometida.

Vigo, abril 2018