Category: A voapluma

De profesión “Sus labores”

Cando miro cara atrás, a ese anaco de doces lembranzas coa que definimos a nenez, vexo un mundo cheo de “Mamás“.

A Mamá Sara, pequena, delicada, cuns profundos ollos grises como o noso ceo, con aquela voz tan doce e agarimosa que tiña, que en vez de falar parecía que cantaba. A Mamá Rosa, unha figura esvelta, de xenio contido, con ollos lizgairos.

Ámbalas dúas sempre de loito, e ámbalas dúas xefas do clan e as que gozaban dun nivel xerárquico superior sobre todas e tódolos demais; dos grandes como os pais e dos pequenos coma min  e os meus curmáns.

Elas eran as gobernantas daquel mundo de enorme familia que e me antollaba complicado, pero con regras sinxelas de cumprir. Levaban os pantalón e todo canto a maiores fixese falta: administra-la casa, rexenta-lo negocio, face-las compras, cociñar e educar ós fillos e logo os netos, trata-las enfermidades, rezar para salva-las nosas almas pecadentas, e todo canto se puxese por diante.

Elas só tiñan de profesión: “Sus labores”. Un calificativo e un papel que o réxime e a igrexa da Una, Grande y Libre impuxeron – coma letra escarlata – a aquelas mulleres valerosas.

Agora que miro cada adiante e vexo no horizonte chegar a vellez, bótoas de menos!

Alcumes

Os alcumes, coma as leiras e as débedas, hérdanse. Pero namentres o patrimonio pode ser rexeitado polo afortunado herdeiro, os alcumes quedan, por activa e por pasiva, fixados á persoa que ten a sorte ou a desgraza de tan ditoso herdo.

Ó rural caracterízase por manter unhas relacións de grande cercanía: os viciños e viciñas comparten non só os espazos comúns, senón unha historia de vida, a cotío, lonxana dabondo no tempo. A austeridade do rural achégase a tódolos aspectos da vida mesma, incluíndo a lingoaxe, onde a economía das verbas – na súa función apelativa e social – tradúcese nos alcumes. Que mellor xeito de referirse e cualificar a alguén por un alcume!

Os alcumes son un patrimonio noso, e como tal teñen sido estudados. Bágoa que, do mesmo xeito que lle acontece ao noso patrimonio material, non sexan coidados e conservados como corresponde á cultura dunha nación!

A Universidade da Rioja está a desenvolver o proxecto de investigación “Onosmástica de Nalda: Nombres, apellidos y apodos (1871-2010)” e polo de agora foi quen de clasificar os alcumes por campos semánticos: 1) Actitudes, tendencias e características psicolóxicas; 2) Alimentos; 3) Animais;  4) Antroponímicos; 5) Corpo e aspecto físico; 6) Obxectos; 7) Verbas mal-soantes; 8) Profesións; e 9) Toponímicos.

 “O Pacholas” debe ser do primeiro tipo, porque meu pai seica que era un home tanquilo, lento, pouco dado as presas. Eu non che son así, pero acepto a herdanza e reclamo para mín “O Pacholas”.

 

Do meu pensamento

A medida que escomenzo estas liñas, decátome que estou a porlle un final a unha parte da miña vida adicada a cumprir un soño de cando neno. Ao leder que remata-la miña tese prodúceme, xúntase nestes intres un certo sabor agridoce, un certo pesar de deixar atrás uns anos especiais, cheos de ilusións. De súpeto empezo a me sentir un pouco máis vello.

Non podo dar por rematada esta tese se agradecérllelo antes a tódalas persoas que, a cotío, veñen de acompañarme nesta aventura científica que os máis atrevidos chaman investigación. Todos eles forman dalgún xeito parte do meu soño (ou pesadelo, aínda non o teño moi claro) dunha vocación que naceu cando a mín. ¡Eu de pequeno quería ser piloto!

Foron moitos e moitas os e as que día a días impuxeron nesta tese parte da súa vida a través da miña propia. Porén quero agredecerlle:

A miña nai Marisa, sinxelamente por seres nai en tódolos intres da miña vida.

A Laura, que compartiu comigo apuntes, cafés, suspensos… os bos e os malos momentos, e hoxe en día, a nosa vida en común e dúas preciosas fillas. O seu apoio constante é unha proba da súa benquerenza cara min.

O meu irmá Pedro po terme aprendido, cando xa o esquencera, que as noites non só están feitas para durmir, amosándome as bondades das noites de troula e carallada.

A José Rodriguez Otero por seres capaz de meterme nos miolos as “matrices Z” pero sobre todo por compartires unha amistade increbantábel. E a súa dona Marisa, por termos aturado os dous en noites de boas ceas, discusións políticas, revolucións de tapete e xornadas de fotografía. ¡Se xa é difícil de aturar o seu home, imaxinádevos dous iguais!

Ao “Cirolas”, “Cirolitas”, David, María e  o “Cascarino”, Fernando, Pilar, Jaime e Cristina, por terme arrincado a miña asignación mensual en interminábeis partidas de Pocha e botellas de licor café.

O meu finado pai Javier, que estou certo que comparte a miña ledicia e orgullo persoal aló onde se atope agora.

[Bertamiráns, decembro 1997]

 

Esta é a adicatoria que figura na miña tese doutoral e coa que pechei a miña estapa de tunante (estudante) compostelano. Permítome, 20 anos despois, introducir unha axeitada modificación. Daquela somentes tiña unha filla recén nada. Hoxe teño dúas e ámbalas son “las niñas de mis ojos”.

 

© 2018 Teimas dun arraiano

Theme by Anders NorenUp ↑