Os alcumes, coma as leiras e as débedas, hérdanse. Pero namentres o patrimonio pode ser rexeitado polo afortunado herdeiro, os alcumes quedan, por activa e por pasiva, fixados á persoa que ten a sorte ou a desgraza de tan ditoso herdo.

Ó rural caracterízase por manter unhas relacións de grande cercanía: os viciños e viciñas comparten non só os espazos comúns, senón unha historia de vida, a cotío, lonxana dabondo no tempo. A austeridade do rural achégase a tódolos aspectos da vida mesma, incluíndo a lingoaxe, onde a economía das verbas – na súa función apelativa e social – tradúcese nos alcumes. Que mellor xeito de referirse e cualificar a alguén por un alcume!

Os alcumes son un patrimonio noso, e como tal teñen sido estudados. Bágoa que, do mesmo xeito que lle acontece ao noso patrimonio material, non sexan coidados e conservados como corresponde á cultura dunha nación!

A Universidade da Rioja está a desenvolver o proxecto de investigación “Onosmástica de Nalda: Nombres, apellidos y apodos (1871-2010)” e polo de agora foi quen de clasificar os alcumes por campos semánticos: 1) Actitudes, tendencias e características psicolóxicas; 2) Alimentos; 3) Animais;  4) Antroponímicos; 5) Corpo e aspecto físico; 6) Obxectos; 7) Verbas mal-soantes; 8) Profesións; e 9) Toponímicos.

 “O Pacholas” debe ser do primeiro tipo, porque meu pai seica que era un home tanquilo, lento, pouco dado as presas. Eu non che son así, pero acepto a herdanza e reclamo para mín “O Pacholas”.